O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo este venres unha reunión cos representantes das directivas da confraría de pescadores e o club marítimo Carrumeiro, de Corcubión, para informarlles do recente inicio do período de información pública do estudio de impacto ambiental do proxecto do porto mixto de Corcubión. Álvarez Vidal trasladou a ambas entidades promotoras do proxecto que o pasado martes o Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio deste trámite co que Portos de Galicia continúa avanzando cara á dotación dunhas novas instalacións para os profesionais e a náutica de recreo de Corcubión.
Tal como recolle o propio anuncio este prazo será de 30 días hábiles e a documentación do proxecto pode consultarse na web oficial de Portos de Galicia.
O presidente de Portos de Galicia lembrou que o proxecto está sometido a tramitación ambiental ordinaria segundo informou a Consellería de Medio Ambiente ao tratarse dunha zona que forma parte da Rede Natura. Esta tramitación supón un proceso complexo no que interveñen numerosos organismos e distintas administracións públicas. Unha vez rematado o prazo para a presentación de alegacións, Portos de Galicia iniciará as consultas oficiais ás entidades afectadas, entre elas, o Ministerio de Transición Ecolóxica; as consellerías de Presidencia, Sanidade, Medio Ambiente, Cultura e Mar; o Concello de Corcubión; as confrarías de Corcubión, Fisterra e O Pindo; a Federación de Confrarías da Coruña, o club náutico Carrumeiro, Adega; ou as sociedades galegas de Historia Natural e de Ornitoloxía.
Finalmente, o presidente de Portos de Galicia lembrou que o ente público contempla un investimento plurianual de preto de 10 millóns de euros para esta actuación, dos que en 2026 consígnanse 20.000 euros para actuacións preparatorias de cara a, unha vez rematada a tramitación, licitar as obras.