Os últimos días foron un pesadelo para Portugal, o país alcanzou este luns un novo máximo de mortes diarias por COVID-19, 167 falecidos. O país encadea o seu undécimo día consecutivo por encima dos 100 mortos -cifra que nunca se alcanzou nas dúas primeiras ondas-, cun novo récord diario que supera o máximo anterior, os 166 do sábado. A pesar de que os novos contaxios diminuíron, o número de hospitalizacións son as peores rexistradas desde o inicio da pandemia. A situación en varios hospitais é dramática. Os traballadores sanitarios están desbordados de pacientes e as camas escasean. O Goberno convocou este luns unha sesión extraordinaria para dar resposta inmediata. Unha das medidas que está en espera de aprobación sería o peche das escolas. Pero os científicos e expertos lusos aseguran que non é suficiente e piden un confinamento tan estrito como o primeiro para deter a letal onda. En total, Portugal acumula desde marzo 556.503 casos, dos que máis de 135.000 están activos, e 9.028 falecidos.
19