Portugal e Francia decidiron endurecer as medidas para frear o avance da pandemia


No caso de Portugal, a partir do 1 de decembro vai obrigar a presentar un test negativo, ademais do certificado de vacinación, a todo o que entre no seu territorio nacional independentemente da orixe ou a súa nacionalidade por vía aérea e impón unha semana de restricións despois de Nadal. Segundo anunciou o primeiro ministro, Antonio Costa, do 2 ao 9 de xaneiro haberá unha semana de contención do coronavirus con teletraballo obrigatorio na que bares e discotecas permanecerán pechadas e atrasarase o regreso ás aulas. Con todo, os portugueses si poderán saír á rúa para pasear, facer deporte ou comprar sen ningunha limitación.

Pola súa banda, Francia apostou por dar a oportunidade de recibir unha terceira dose da vacina do coronavirus a todos os cidadáns maiores de 18 anos. «A partir de agora a dose de recordatorio estará aberta a todos os adultos de 18 anos a partir dos cinco meses tras a última vacinación», dixo o ministro de Saúde francés, Olivier Véran, no anuncio das medidas tomadas no Consello ministerial, presidido por Emmanuel Macron. En Francia o ministro de Saúde tamén anunciou un endurecemento do pasaporte sanitario necesario para acceder á maior parte dos lugares públicos.