O BNG de Laxe quere un concello máis transparente e participativo no que os veciños e as veciñas sexan protagonistas da vida municipal e con ese obxectivo o candidato á Alcaldía, Xosé Manuel Pose, avanza que aprobará un regulamento de participación cidadá se resulta elixido alcalde tras o 28 de maio.
“O que tivemos até agora foi un goberno do PP que arrancou mandato confrontando co tecido asociativo de Laxe e que ignora totalmente aos colectivos e entidades veciñais do noso concello, xusto o contrario do que quere facer o BNG se temos a confianza da maioría nas próximas eleccións municipais”, explicou Pose, que considera “esencial” a colaboración do concello coas asociacións e entidades veciñais.
Neste sentido, o programa electoral do Bloque inclúe a redacción e aprobación dun regulamento de participación cidadá, “porque a democracia non consiste en limitarse a pedirlle o voto a veciñanza cada catro anos, senón que consiste tamén en respectar e facilitar o dereito dos veciños e das veciñas a participar na toma de decisións do seu concello que lles afectan directamente”, argumenta o candidato do BNG.
O BNG considera que facilitar a participación cidadá non só mellora a calidade democrática senón que tamén é clave para resolver conflictos desde o diálogo e, ademais, favorece a implicación e o sentimento de pertenza e orgullo ao concello, neste caso Laxe. Pose destaca que un goberno municipal do BNG asinará acordos de colaboración con todas as asociacións veciñas, deportivas e culturais, coas que manterá un diálogo permanente, franco e aberto.
Nese obxectivo dun Laxe máis participativo e democrático, o BNG tamén porá en marcha consellos parroquiais para garantir unha vía de comunicación estable e permanente coa veciñanza de todo o municipio, que conta con seis parroquias e case medio cento de lugares, e apostará polos orzamentos participativos que, na medida do posible, recollan as principais demandas da xente.