O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou este xoves o contrato das obras de reurbanización da rúa Campo da Feira, adxudicadas á empresa Excavaciones y Obras Candal S. L. por 229.438,25 euros. A actuación está subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun total de 96.800 euros, distribuídos entre as anualidades 2019 e 2020.
O proxecto inclúe a rúa Campo da Feira dende Enxeñeiro Barreira ata Fotógrafo José Vidal, así coma un treito desta última e a rúa Cuco. O obxectivo da actuación, que seguirá a mesma liña do resto do ámbito, é mellorar a calidade urbana do espazo, eliminar as deficiencias existentes nos servizos urbanísticos, consolidar aliñacións e garantir a accesibilidade e a seguridade peonil.
Dadas as dimensións da rúa, crearase unha beirarrúa de 1,80 metros de ancho que dará continuidade ao itinerario peonil das rúas lindeiras, así coma unha banda de estacionamento e un único carril de circulación.
En canto aos servizos, o cableado aéreo da iluminación substituirase por unha canalización soterrada e estenderase a rede de auga. A rúa disporá tamén de instalacións para telecomunicacións e abastecemento de gas.
Nestes momentos estase a traballar nas rúas Xílgaro, Luís Braille e Enxeñeiro Barreira, nas que se están investindo preto de 400.000 euros.