- Este ano o concello conta con 3 bandeiras azuis, 2 certificados de calidade ambiental e 1 sendeiro azul
A Fundación Adeac concedeulle varios distintivos ao traballo coordinado desde as áreas de Medio Ambiente, Promoción Económica, Obras e Servizos, e Protección Civil de Carballo. En total o concello conta con tres bandeiras azuis para as praias de As Saíñas, Pedra do Sal e Razo e un sendeiro azul para a Senda do Mar Razo-Baldaio. O municipio tamén renovou o ISO 14.001:2004 e o Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), considerado o de maior prestixio dos que están implantados en Europa.
Carballo é o único concello da Costa da Morte, e un dos poucos de Galicia, que conta con estes certificados de calidade, que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios poidan presentar reclamacións.
Limpeza e salvamento
Nese obxectivo permanente da mellora dos servizos, o 1 de xuño comezou a temporada alta para o servizo de limpeza nos areais de Razo, As Saíñas, Pedra do Sal, Arnela e Leira, nos que se realizarán traballos diarios de posta a punto tanto nas propias praias como nos accesos, aparcadoiros, zonas verdes, postos de socorristas, servizos hixiénicos e baleirado de papeleiras. A limpeza realízase con medios mecánicos agás nas zonas de aniñamento da píllara das dunas, unha especie ameazada e que o concello busca protexer sinalizando debidamente os seus niños e pedínlle ao usuarios que respecten estas aves. Desde o goberno local lembran que desde o 1 de xuño e ata o 30 de setembro está prohibida totalmente a presenza de cans nas praias.
Este o domingo día 9 de xuño empezará a operar o servizo de salvamento e socorrismo, que estará activo durante tres meses. Na primeira convocatoria cubríronse 22 dos 30 postos ofertados.