Posta en servizo da pasarela peonil A Grela-Marineda


Esta actuación intégrase no Plan de sendas, co que xa se puxeron en servizo máis de 100Km de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a nova pasarela peonil A Grela-Marineda consolida o polígono da Grela como un gran espazo industrial e comercial seguro, sustentable e atractivo para milleiros de traballadores e visitantes, en beneficio da competitividade de toda a área metropolitana da Coruña. Unha obra que muda radicalmente a mobilidade do gran corazón empresarial e comercial da área metropolitana da Coruña e do norte de Galicia.

Durante a posta en servizo desta infraestrutura, Feijóo quixo poñer en valor, en primeiro lugar, o permanente diálogo e a colaboración entre a Axencia galega de infraestruturas e a Asociación de empresarios da Grela, que marcaron a súa execución. Non en van, neste polígono desenvolven a súa actividade máis de 550 empresas, o que supón que neste parque desempeñen o seu traballo 20.000 persoas cada día; e está situado, ademais, o segundo maior centro comercial de España, que o ano pasado recibiu 18 millóns de visitas.