A aldea modelo de Moreda, no concello lucense de Folgoso do Courel, é un piar fundamental para a dinamización da zona e enmárcase dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste proxecto implementouse unha granxa en extensivo dedicada á cría de porco celta en ecolóxico que está en funcionamento. Ademais, no marco deste proxecto prevese potenciar outras iniciativas de apicultura e o cultivo de hortalizas e árbores froiteiras.
Esta aldea modelo é un dos xeitos de anticiparse aos lumes forestais mediante o aproveitamento dos terreos. Neste caso, conta cunha superficie de 38,86 hectáreas, con 73 parcelas de 44 propietarios.
Para desenvolver esta aldea modelo, a Xunta levou a cabo diversos traballos, incluíndo a implementación de peches e cerramentos, infraestruturas gandeiras, instalacións de manexo e alimentación gandeira, acondicionamento de camiños ou recuperación de muros tradicionais, entre outras.