O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, visitaron este mércores o mercado municipal da localidade, onde se puxo de relevo os case 300.000 euros investidos pola Xunta para posibilitar a súa reapertura ao abeiro das axudas dirixidas a impulsar unha rede de Mercados Excelentes en Galicia, que este ano contan cun orzamento de preto de 2,3 M€. Nesa liña, Alén destacou que as instalacións ceenses recibiron achegas autonómicas desde 2023 para a rehabilitación do edificio e para a execución de diversas melloras, incluíndo o ano pasado a habilitación de novos postos de venda. A maiores, concedéuselle apoio para reformar neste 2026 a planta de aparcamento, habilitando así mesmo espazos de almacenaxe auxiliares.
O director xeral aproveitou a visita a Cee para lembrar o obxectivo marcado polo Goberno galego de acadar este ano os 10 Mercados Excelentes no conxunto da Comunidade, engrosando unha rede da que actualmente forman parte as prazas de abastos de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo. Poñendo en valor o apoio autonómico a este tipo de espazos, engadiu que se persegue acadar as 25 distincións en catro anos, no marco do desenvolvemento do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.