O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, coñeceu o proxecto Biomais CO2, financiado cunha axuda da convocatoria de 2022 a grupos operativos de 135.000 euros. O grupo que leva a cabo este proxecto está formado pola empresa Enxeñería Forestal Asefor, a Universidade de Santiago de Compostela, a asociación Bioeco2 e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.
Segundo o director, este novo proxecto representa un enfoque innovador na produción forestal e pretende conectar ferramentas dixitais, actualmente existentes, en canto a modelos de crecemento, no marco da silvicultura, a calidade da madeira ou a xestión sostible, para desenvolver unha solución integrada que aporte información en canto á contabilidade de emisións e absorcións no sector do uso da terra, cambios no uso e a silvicultura. Así, busca realizar unha aplicación práctica integrada que abarque a todos os sectores implicados de interese, incluídos aqueles responsables da compensación de emisións, na posta en valor dos mesmos.
Ademais, enmárcase dentro de tres áreas prioritarias: os sistemas agrarios de produción, a aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación ao sector e outras actividades relacionadas coa produtividade, sustentabilidade e innovación agrícola e forestal.