Dende o IES Eduardo Pondal sae un cargamento de postais de nadal para os e as maiores da contorna. O alumnado do ciclo de atención á dependencia organizou esta actividade na que en primeiro lugar se lle explicaba aos compañeiros e compañeiras da ESO cómo viven as persoas maiores estas datas. Moitas destas persoas viven soas ou nos propios centros residenciais, eses sentimentos de soidade poden afectar á súa autoestima e influir na súa calidade de vida, cando máis nestas datas tan sinaladas.
Pequenas accións coma esta pretenden concienciar sobre esta realidade e ofrecer unha nota de ledicia ás persoas máis vulnerables e ás que tanto temos que agradecer despois de toda unha vida adicada aos demais.
Por outra banda, tecen redes entre as diferentes institucións adicadas aos coidados das persoas dependentes e foméntase a participación comunitaria das máis novas do centro.
“Sempre é unha experiencia moi especial ver o cariño e esmero co que grandes e pequenos preparan as postais, a súa decoración, os textos coas felicitacións e os bos desexos para o vindeiro ano, e non faltan consellos sobre os excesos co turrón ou o champán”, afirman dende o centro.
Esta mesma semana, o alumnado do ciclo achegouse ata as Casas do Maior de Erbecedo en Coristanco para entregarlles en man ás usuarias as súas felicitacións, nunha visita cargada de emocións e ilusións.
O pasado ano enviaron ao Centro de Día de Cabana e as Cooperativas das Casas do Maior da Costa da Morte, e nesta ocasión amplían á vivenda comunitaria de Vimianzo e ao centro de día da Laracha. Esperan ir aumentando cada ano o número de recursos e seguir enviando bos desexos navideños a máis maiores, espallando a solidariedade do seu alumnado.