PP de Ponteceso: «Estamos fartos de que nos sinalen por non haber POS. O único responsable é o alcalde»

1 minutes read
  • Os populares e os concelleiros non adscritos demandaron unha reunión co vicepresidente da Deputación, pero nunca obtiveron resposta

«A deslealdade dos dirixentes da Deputación da Coruña non ten límites”. Así de contundente se mostrou o portavoz do Partido Popular de Ponteceso Daniel García Cotelo, tras o recibimento dos veciños por parte do vicepresidente, Xosé Regueira, para falar do Plan de Obras e Servizos (POS) cando «aos concelleiros (os populares e os non adscritos) nin sequera nos deron resposta” para intentar explicarlle «os proxectos que se poderían incluír no POS».

García Cotelo destaca que no partido están «fartos de que nos sinalen porque non haxa POS en Ponteceso» xa que «o único responsable desta situación é o alcalde, Lois García Carballido, que non ten maioría para gobernar e que non ten capacidade de diálogo con ninguén”.

O Plan de Obras e Servizos foi rexeitado pola oposición tres veces xa que «non podemos aprobar que o POS se destine a gasto corrente tendo en conta as necesidades que hai no municipio”, destacan desde o PP en referencia a obras pendentes, pago a provedores e mantemento dos postos de traballo en Servizos Sociais.