- O candidato do Partido Popular Aurelio Núñez afirma que revisará a Ordenanza Municipal de Tráfico nada máis chegar ao goberno.
O obxectivo prioritario será corrixir a limitación de velocidade de 30 kilómetros por hora para aplicar esta medida só nas rúas nas que os técnicos o consideren axeitado: “En moitos casos pensamos que esta norma está feita exclusivamente con fins recadatorios, como quedou demostrado coa previsión do incremento das multas no orzamento do ano 2019. Cremos que esta limitación é boa en certas rúas, pero non para todas, xa que orixina retencións e problemas de circulación nos viarios de acceso e saída de Carballo”.
Aurelio considera que os problemas de tráfico non son prioritarios para o BNG: “O goberno nacionalista fai as cousas ao revés. Primeiro desordena o tráfico e organiza un caos. Despois encarga un estudo de mobilidade a unha empresa para tentar arranxar as desfeitas previas”.
PSOE
A esta iniciativa tamén se suma o PSOE, que no seu último Boletín Informativo repartido por Carballo, recalca que o partido socialista votou en contra da aprobación da Ordenanza Reguladora do Tráfico no Pleno por considerala desproporcionada e ao mesmo tempo entender que non achega solucións.