PP e PSOE de Laxe votan a favor do Plan Parcial, BNG e UP discrepan

O Concello de Laxe celebrou unha sesión plenaria ordinaria, na que se trataron seis  puntos e catro mocións, das que unha foi presentada polo Partido Popular, outra polo BNG e dúas por Unidas Podemos.

O primeiro punto de aprobación dos borradores da acta da sesión anterior foi aprobado por unanimidade; aprobouse tamén a convalidación da omisión da función interventora no relativo ao recoñecemento e pago de facturas, cos votos a favor do PP e a abstención do BNG, Unidas Podemos e PSOE.

PP e PSOE votaron a favor da aprobación da terminación convencional do procedemento contencioso administrativo contra a aprobación definitiva do Plan Parcial. BNG e Unidas Podemos mostraron a súa negativa ante este punto.

Por último, aprobouse a retribución de VIAQUA para este 2023 cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e a abstención de Unidas Podemos.

No referente ás mocións, as presentadas polo PP e BNG con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, foron retiradas tras chegar a consenso para presentar unha conxunta con todos os partidos políticos.

Sobre este punto, o alcalde, José Luis Pérez Añón, quixo destacar que “contra a violencia o máis importante é traballar xuntos e xuntas”, mostrando, así, o seu compromiso a consensuar cos demais partidos todas as cuestións relativas a este tema “é unha cuestión na que non teñen cabida as perspectivas partidistas, senón na que debemos traballar de maneira conxunta”.

Unidas Podemos levou a pleno dúas mocións. A primeira, presentada para a intervención da propiedade abandonada por parte da SAREB na rúa Rosalía de Castro, número 30, contou cos votos a favor de BNG, PSOE e Unidas Podemos. O rexedor quixo subliñar que o voto en contra é debido a que “o inmoble ten agora novos propietarios e o técnico municipal está revisando toda a documentación do anterior proxecto para manter unha reunión con eles e, así, avaliar a mellor maneira de solucionar a situación”.

A última moción de Unidas Podemos obre o incremento do arborado municipal, contou co apoio de BNG, PSOE e Unidas Podemos. O PP manifestou o seu voto en contra, ao que o alcalde subliñou que “compartimos, por suposto, a preocupación polo medio ambiente e pola xestión medioambiental do noso municipio, pero consideramos que isto precisa dun estudo detallado que nos permita tomar unha decisión máis axeitada sobre cales son as medidas que debemos tomar”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha