Praia das Catedrais recibiu preto de 225.000 visitas durante a temporada alta de 2023

1 minutes read

O monumento natural Praia das Catedrais recibiu preto de 225.000 visitantes durante a temporada alta de 2023 -Semana Santa e meses de xullo, agosto e setembro-, segundo explicou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita a este espazo protexido. Desa cifra global, que supón un 15 % máis que nos mesmos períodos do ano anterior, máis de 206.000 corresponden aos meses de verán e preto de 18.000 aos días de Semana Santa.

As entradas para visitala poden reservarse, de xeito totalmente gratuíto, na páxina web habilitada a tal efecto ou a través de diferentes entidades públicas e privadas autorizadas para distribuílas, como o Clúster de Turismo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, establecementos hoteleiros, os taxistas de Ribadeo e outros operadores de transporte colectivo.

A maiores, cómpre lembrar que os visitantes non poden ir por fóra dos camiños, sendeiros, miradoiros e áreas de descanso; recoller especies de fauna e flora; tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, nin realizar escalada ou actividades similares. Nese senso, a directora xeral puxo en valor o traballo realizado tanto polo persoal de control de acceso como polos axentes e vixiantes de recursos naturais.

A Praia das Catedrais, que foi declarada monumento natural no ano 2005, está situada no extremo oriental da provincia de Lugo, dentro do termo municipal de Ribadeo, e está constituída por unha serie de cantís e praias. A intensa erosión exercida polo mar sobre eses cantís dá lugar, de maneira progresiva, á formación dun sistema de covas, bufadores e grandes arcos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?