- A Unidade de Salvamento Acuático de Protección Civil realizou 9 salvamentos durante os tres meses de servizo
O responsable de Protección Civil, Javier Souto; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron este martes o balance da temporada de praias con 366 atencións de botiquín e 9 salvamentos por parte da Unidade de Salvamento Acuático. A pesar destes datos todos fixeron fincapé na «importancia do litoral carballés como un destino de referencia máis alá da época estival».
O coordinador de Protección Civil destacou como unha das principais características do verán a «elevadísima afluencia ás praias, e iso a pesares do mal tempo». Xullo e setembro foron meses malos no que respecta ás condicións meteorolóxicas, e só agosto salvou un pouco a temporada. Aínda así, se «houbese un contador á entrada das praias as cifras de visitantes serían de récord».
«Estamos ante unha nova realidade que tamén se ve na aposta da iniciativa privada por este espazo, que xa é un punto de encontro para o surf, para o ocio e tamén para desfrutar cos amigos e coa familia», afirmou o rexedor, por iso as políticas do Concello de Carballo en materia de praias se adaptan para dar resposta ás necesidades derivadas dos diferentes usos do litoral como por exemplo a extensión do abastecemento de auga que «permite utilizar xa a rede pública nos aseos e duchas de Razo, e a próxima temporada tamén en Baldaio», sinalou o concelleiro de Medio Ambiente. Carballo é tamén un dos poucos concellos galegos nos que a Unidade de Salvamento Acuático funciona durante tres meses, ademais de ser dos primeiros en poñer en marcha o servizo.
Por outra banda, Razo e Baldaio ofrecen condicións medioambientais únicas e deben dalas a coñecer para que as persoas usuarias «respecten os distintos usos é o gran reto ao que se enfronta o servizo», indicou Javier Souto. Nesa liña, nos últimos anos estase a desenvolver o programa “Eu quero Razo-Baldaio” en colaboración coas agrupacións ecoloxistas Senda Nova, Hábitat e Adega, con moi boa acollida. Este verán tamén se levou a cabo unha campaña en colaboración co Seprona para fomentar o respecto polas zonas de aniñamento da píllara das dunas.
Outro aspecto no que se está a traballar desde a Administración local é o da ordenación dos usos, a través dos plans especiais que están en tramitación, e a mellora da imaxe turística a través de normativas como o estudo da fachada de Razo ou accións de renovación do mobiliario urbano como a que se vai acometer nos próximos meses coa substitución de 1.200 metros de pasarela de madeira, cun investimento de 175.000 euros.