Así se desprende das conclusións provisionais extraídas das enquisas do estudo de reforma do mapa municipal e que foron analizadas no marco dunha reunión presidida pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, á que asistiron tamén membros da Fundación Juana de Vega e dos equipos das tres universidades galegas que participan no traballo.
As primeiras conclusións da enquisa realizada o pasado mes de febreiro á poboación galega para coñecer a súa opinión sobre os procesos de fusión dos concellos amosan que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos (83%), e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos. Malia que as porcentaxes diminúen cando a pregunta se fai sobre o propio concello, tamén neste caso máis da metade da poboación (un 56%) estaría a favor da fusión. Pola contra, tan só un 37% da poboación sería partidaria de realizar fusións obrigatorias.
Ademais, o 67% dos enquisados pensa que a redución do número de concellos melloraría a súa capacidade de prestación de servizos á cidadanía, en tanto que o 16,7% considera que isto non afecta para nada á súa capacidade de prestar servizos. A crenza nos beneficios de reducir concellos é mais alta nas persoas con estudos universitarios, maiores de 45 anos e de clases medio altas, mentres que a poboación sen estudos, do ámbito rural e con baixos ingresos ten unha menor crenza en que a redución dos concellos contribúa a mellorar a calidade e cantidade dos servizos prestados por estes. Por outra banda, son os habitantes dos concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes os que máis predisposición manifestan polas fusións.
O obxectivo xeral da enquisa era o de coñecer a opinión da cidadanía sobre as fusións municipais e outras alternativas de adaptación da planta local e centrouse en catro obxectivos específicos: coñecer cal é a diagnose que fai a cidadanía da situación dos concellos e a que se dedican, detectar o sentimento identitario con respecto ás entidades territoriais, coñecer a valoración que fai con respecto a unha serie de alternativas para a remodelación do mapa municipal, e por último, pulsar a sensación da poboación respecto das implicacións que pensa que tería cambiar o mapa municipal.
As conclusión da enquisa realizada a un milleiro de galegos vanse sumar aos resultados das entrevistas que se están a realizar a unha trintena de expertos e formará parte do estudo de reforma do mapa municipal galego e o impulso de novos procesos de fusión municipal, ao que a Xunta destina 72.600 euros e que se está a desenvolver en colaboración coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas.