A Xunta celebrou no mercado de abastos de Santiago a final da especialidade de Cociña do certame Xuventude Crea 2022, na que o primeiro premio recaeu no equipo formado por Andrea Maseda Prado e Miguel Morán, naturais do municipio lucense de Cospeito. Estes gañadores amosaron a súa destreza aos fogóns elaborando o prato ‘Perlas de pistacho e chocolate branco, natillas de castaña e flocos de millo’.
O segundo posto foi para Isabel Vivero Acción, da Coruña, que titulou ao seu prato ‘Carolina’. E en terceiro lugar quedou o equipo composto por Cristina Domínguez Queijo e Jorge Novo Rodríguez, tamén da Coruña, con ‘Róbalo Mar e Terra’. Ademais de recoñecer o bo facer na cociña das novas fornadas de chefs, a través deste concurso tamén se poñen en valor os produtos propios de Galicia, xa que a base dos pratos confeccionados foi a utilización de materia prima da nosa Comunidade.
Os gañadores recibirán unha gratificación de 3000 euros; 1500 a segunda clasificada e 1000 os dous finalistas que quedaron en terceira posición.