Premio a dous profesores do IES de Baio polo documental ‘IA e a Síndrome de Rett: Unha historia de esperanza’

3 minutes read

Os profesores do IES Maximino Romero de Lema, Fina Paulos e Óscar Rey recolleron en Barcelona o premio do “II Certame Raras” Concurso Internacional de Curtametraxes sobre as enfermidades raras convocado por Chiesi e MPS Lisosomales e UVEME.
A obra destes dous profesores de ensino secundario gañou a votación popular do certame con 3759 votos, e na actualidade xa recibiu máis de 18.000 visitas.
En palabras de Fina e Óscar “A nosa intención foi sempre mostrar como é a vida cotiá dunha persoa con síndrome de Rett, e intentamos facelo da forma máis respectuosa posible, utilizando un recurso impresionante como é a Intelixencia Artificial, queríamos demostrar que esta tecnoloxía pode ser un gran transmisor de valores”.


A curta pode verse en YouTube ou a través da URL https://certamenraras.com/certamen-de-cortometrajes-2023/?
contest=video-detail&video_id=20153
, conta a historia do día a día de Daniela Novo Garrido, unha nena veciña da parroquia de Tallo en Ponteceso. Daniela padece Síndrome de Rett, un trastorno xenético neurolóxico que afecta principalmente ás nenas. Este trastorno provoca a perda progresiva das capacidades motoras e da fala.
O premio acadado, un cheque de 500 € foi doado á Asociación Mi Princesa Rett tal e como así quixo a familia de Daniela, para a investigación e axuda desta enfermidade.
Fina e Óscar queren agradecer a todas as persoas que votaron a curtametraxe, e posibilitaron deste xeito acadar o galardón que permite visualizar como é o día a día dunha persoa que padece Síndrome de Rett e a loita das súas familias.
Así mesmo, queren agradecer tamén a colaboración prestada pola comunidade educativa do CRA Nosa Señora do Faro na elaboración do traballo, que quixeron recoñecer achegándose a facela entrega do premio a Daniela e á súa nai, na escola de Tallo, xunto ós seus compañeiros e mestras.


Fina e Óscar comentaron que “este traballo deunos a oportunidade de poñer os nosos coñecementos docentes ao servizo dunha boa causa, como é a visualización da síndrome de Rett, a través do día a día de Daniela Novo Garrido. Levabamos tempo traballando os valores educativos na aula co noso alumnado, e esta foi unha boa oportunidade para que as técnicas, xa empregadas, transcendesen fóra do centro educativo. O caso de Daniela impactounos porque congregou moita solidariedade na zona, algo que se volveu demostrar co apoio dado ao noso traballo nas votacións do concurso, así como na realización do documental.”


O documental é unha poderosa ferramenta para concienciar sobre a síndrome de Rett, mostrando as vidas e as loitas dos afectados e as súas familias. Grazas por darnos a oportunidade de mostrar ao mundo a síndrome de Rett dende o nivel máis humano e persoal, a través da vida de Daniela Novo Garrido, conclúen.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?