Premio Cooperación para Xallas-Santa Comba Sociedade Cooperativa Galega

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba este luns a resolución dos Premios á Cooperación 2026, unha iniciativa da Xunta que ten como obxectivo recoñecer o labor das cooperativas galegas que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento económico e social, á promoción dos principios cooperativos e ao fortalecemento da economía social no conxunto do territorio.

Os Premios á Cooperación 2026 están dotados con 15.000 euros, distribuídos en tres galardóns de 5.000 euros cada un, e a eles podían optar todas as cooperativas galegas que destacasen polo seu traballo, estivesen ao día das súas obrigas e non resultasen recoñecidas en edicións anteriores.

Nesta edición o Premio á traxectoria cooperativa recaeu en Xallas-Santa Comba, Sociedade Cooperativa Galega, de Santa Comba, unha entidade vinculada ao sector agrogandeiro e ao desenvolvemento da comarca desde hai máis de cinco décadas. O xurado recoñece a súa capacidade para diversificar servizos, apoiar ás explotacións agrarias e manter un forte compromiso coa comunidade local, combinando tradición e modernización a través de novos proxectos de futuro. Este galardón diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade que teñan destacado, entre outros aspectos, pola solidez dos resultados económicos acadados, a creación de emprego, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial da súa actividade.