Francia mira con preocupación cara ao hospital de Lannion, no noroeste do país, onde se detectaron oito casos dunha nova variante do coronavirus que é indetectable nas análises convencionais. As autoridades sanitarias apresuráronse a tranquilizar á poboación. Os síntomas da variante bretoa son os mesmos que os das demais e, en principio, nada indica que sexa nin máis perigosa nin máis contaxiosa que a primeira cepa do virus. Están a realizarse investigacións máis profundas, conclúe un comunicado do ministerio de Sanidade. A aparición desta nova variante ten un sombrío pano de fondo en Francia, que sofre unha explosión de contaxios en varias zonas do país. As ucis dos hospitais de París están desbordadas e seguen trasladando pacientes a outros territorios con menor incidencia e ocupación. Ademais, os plans de vacinación víronse seriamente alterados polos atrasos e pola suspensión cautelar do preparado de AstraZeneca. Tamén este martes, as autoridades aprobaron o uso dos autotest rápidos de antíxenos: probas nasais que se pode facer un mesmo na casa e que, en caso de dar positivo, debe confirmar máis tarde cunha PCR.
36