Preocupación no comité de Ferroatlántica pola parada de unidades produtivas

Cedida.

O comité de empresa de Ferroatlántica Cee-Dumbría Centrales Hidroeléctricas solicitou unha reunión co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, para trasladarlle a súa preocupación pola decisión da compañía “de parar unidades produtivas” na fábrica ceense.

Segundo informa a representación social, no devandito encontro tamén pedirán ao conselleiro elaborar conxuntamente un plan de viabilidade que garanta o mantemento da actividade industrial e de todos os empregos nas fábricas de Cee e Dumbría, unha proposta que xa lle trasladaron o pasado verán.

“Ante as consecuencias sobre o emprego que poida ter a parada de unidades produtivas e a incerteza que provoca a falta dunha tarifa industrial estable, predicible e competitiva”, o comité reclama á Xunta que obrigue a Ferroatlántica a presentar un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción.