- Os parques infantís permanecen abertos e seguirán celebrándose as feiras
A comisión de seguimento da Covid-19 de Carballo celebrou este luns unha reunión para valorar a situación no concello despois da entrada das novas restricións sanitarias da semana pasada.
A sesión comezou coa revisión dos casos activos na localidade que, este luns, se situaban nos 184. Ademais, crece a preocupación polos afectados na residencia DomusVi na que a día de hoxe hai 34 usuarios e 4 traballadores positivos.
Os parques infantís continuarán abertos, tal e como o pediu a Xunta. Do mesmo xeito, mentres que por parte do Goberno autonómico non se diga o contrario, en Carballo seguirán celebrándose as feiras coa separación entre postos e as medidas de prevención que xa se veñen aplicando durante toda a pandemia.
Por parte das forzas e corpos de seguridade puxéronse sobre a mesa as dificultades para xustificar o traspaso do peche perimetral para o coidado de persoas dependentes e/ou menores. Neste sentido, tanto dende a Policía Local coma dende a Garda Civil requirirase algún tipo de documento identificativo. As persoas usuarias dos Servizos Sociais municipais poden solicitar un informe no propio servizo.
Ademais da vixilancia do peche perimetral, Policía Local e Garda Civil están a realizar controis diarios tanto dos horarios de peche coma dos aforos, que se intensificarán nos vindeiros días tanto na zona urbana coma na rural.
Cinco novos concellos da Costa da Morte entran en máximo nivel
A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Dumbría e Muxía tamén entran en nivel máximo de restricións. As máximas restricións supoñen que a hostalería só poida servir en terraza ata as 18,00 horas e, de non tela, a súa actividade limítase ao servizo a domicilio ata a unha da madrugada.
Estes municipios teñen peches perimetrais individuais, co que ninguén pode entrar nin saír do seu concello excepto por causas xustificadas como sanitarias, laborais ou coidado de maiores e menores.