Preparadas as obras da construcción do centro social de Bértoa

  • Hoxe, de 14.30 a 20.30, está cortado un treito da rúa Berdillo pola rodaxe dunha película
  • Os días 19, 20 e 21 de xuño, clausura da actividade «Escola municipal de natación»

Este martes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou coa empresa Desarrolla Obras y Servicios o contrato correspondente ás obras de construción do centro social de Bértoa, no que se investirán 387.647,70 euros. As obras comezarán despois das Festas de San Xoán e intentarase aproveitar o verán para avanzar o máximo posible na execución do proxecto deseñado polo arquitecto Carlos Seoane.

O centro social de Bértoa construirase nunha parcela municipal de 5.882 metros cadrados destinada a equipamento xunto á zona verde do polígono industrial. Será un edificio de 530 metros cadrados, divididos en dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta, permitindo deste xeito xerar entre eles un espazo público protexido da choiva e do sol. Para acadar a integración na contorna utilizaranse materiais coma a pedra, a madeira e o formigón visto, que ao mesmo tempo destacan pola súa durabilidade.

Con esta nova actuación o Concello quere abundar na súa intención de poñer a disposición da veciñanza espazos de encontro, reunión, formación e promoción cultural e deportiva.

AVISOS * Hoxe, de 14.30 a 20.30, está cortado un treito da rúa Berdillo pola rodaxe dunha película. Unha escena dun atraco nunha ferretería situada nesa zona. O tráfico é desviado pola rúa Compostela.

* Os días 19, 20 e 21 de xuño clausurarase a actividade «Escola municipal de natación», na que participan 616 nenas e nenos dende os tres anos de idade durante os meses de setembro a xuño. A sesión final será igualmente na piscina municipal Vila de Noia a partir das 16:15, en xornada de portas abertas e con entrega de diplomas a tódolos participantes.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha