A Xunta e o Concello de Frades investirán algo máis de 156.000 euros na execución das obras de humanización dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia. Con este obxectivo, a intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas parroquias do municipio, onde se habilitarán sendas peonís, se introducirán canalizacións para a auga e o alumeado público, e se colocará unha estrutura para cubrir os contedores de lixo.
Este foi o compromiso que acaban de asumir a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Roberto Rey, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica para levar a cabo esta obra. O ámbito de intervención, cunha superficie de 1.406 m2, correspóndese cos viarios existentes no lugar da Igrexa, na parroquia de Papucín, e coa zona comprendida entre Fonte Santaia, As Corredoiras e A Igrexa, na parroquia de Moar.