Presentación da Lei de reactivación, con vantaxes aos proxectos empresariais estratéxicos


O presidente Feijóo avanzou que a Xunta presenta, no Consello deste xoves, a Lei de reactivación, que ofrecerá vantaxes aos proxectos e iniciativas empresarias estratéxicas, máis axilidade administrativa, incentivos fiscais e máis facilidade para acceder ao solo industrial.

Durante unha reunión da comisión Next Generation Galicia, na que participou xunto ao vicepresidente segundo, Francisco Conde, Feijóo incidiu en que, ademais da aprobación a pasada semana do proxecto de orzamentos de 2021, para dar resposta aos retos que Galicia afronta neste momento, o Consello avaliará mañá a Lei de reactivación, co obxectivo de “cambiar a cultura” da Administración pública de cara a facilitar os investimentos que se produzan na Comunidade.

Intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Deste xeito, precisou que o novo texto outorgará beneficios fiscais e outros apoios, especialmente aos investimentos que se produzan no sector primario e no ámbito rural; e facilitará que a maioría dos prazos para obter un informe favorable ou unha autorización se reduzan a un terzo. Ademais, resaltou tamén que incentivará os proxectos presentados aos fondos de recuperación europeos.