- Terá lugar este sábado a partir das 20 horas, e será necesario facer reserva
O centro cívico de Malpica acolle este sábado, 3 de abril, a presentación da obra ‘Amar non ten laranxas’, de Paco Souto. O acto comezará ás 20:00 horas e nel realizarase unha lectura teatralizada do libro, unha reedición póstuma dun dos seus primeiros traballos como autor. A primeira versión do traballo foi editada a finais dos anos 80 na Escola Dramática Galega. Durante os últimos anos realizouse un labor de recolección dos cadernos que compoñían a obra e que agora se reúnen nesta nova edición.
Este 30 de marzo de 2021 cúmprense catro anos do desafortunado pasamento de Paco Souto mentres traballaba como percebeiro. Apaixonado da poesía, o teatro e a cultura, Souto foi concelleiro en Malpica desde o 2015 e ata o 2017.
As persoas interesadas en acudir ó acto deberán comunicalo previamente chamando ao Departamento de Cultura no 981 707 104. O aforo estará limitado.