Presentación en Cee do libro de Alba Vieites


O vindeiro 10 de decembro, ás 18:30h terá lugar na Biblioteca Municipal de Cee a presentación do primeiro libro da mestra Alba Vieites Lestón: “Quiero ir al cole: herramientas y recursos para motivar al alumnado”.

A presentación do acto será a cargo de Carmen Pomar, Doutora en Psicoloxía Infantil pola USC. Tamén acompañará á autora a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela.

A autora escribiu este libro coa finalidade de amosar a súa paixón pola educación e a súa forma de ensinar ao alumnado a partir da motivación.

Na actualidade, os nenos/as están sobreestimulados e cada vez é máis complexo motivalos na aula, por ese motivo Alba pretende aportar estratexias e recursos para motivar ao alumnado. É un libro práctico, visual, con ideas, metodoloxías e diferentes recursos descargables para poder aplicar na aula ou no fogar.

O libro presentado está dirixido a familias e a docentes, pois a colaboración e coordinación entre ambos é esencial para favorecer a aprendizaxe dos nenos e nenas. Ao final da presentación levarase a cabo a firma de libros.

Sobre a autora:

Alba Vieites Lestón é unha mestra de Primaria e PT. Unha mestra por vocación que despois de varios anos traballando e opositando, o pasado 2021 aprobou a oposición. Actualmente traballa no CEIP San Vicenzo (Vimianzo), colexio no que a acolleron con moito afecto, pero anteriormente estivo como alumna e mestra, no que considera a súa casa, no CPR Manuela Rial Mouzo.

Sempre intenta formarse, mellorar e buscar a mellor forma de ensinar e motivar ao alumnado. Como ela di, un profesor/a motivado aumenta as probabilidades dun aula feliz.

Alba comparte no seu Instagram @elauladealba o seu día a día docente, recursos, materiais, ideas e incluso materiais para opositores/as.