Presentada a 37º Festa da Carballeira de Zas

2 minutes read

A 37º edición da Festa da Carballeira volve tras dous anos sen festa, con máis forza e ganas que nunca. No acto de presentación estiveron presentes: Xosé Xurxo Couto, deputado de Cultura e Deporte, Manuel Muíño, alcalde de Zas, Fidel Otero, Director do Festival, Xabier Díaz, artista, Loreto Rodriguez, responsable de medios ganados en Estrella Galicia e Dolores Fernández, xerente de ASPABER.

Unha das principais novidades será o cambio de data, que pasa de ser a primeira fin de semana de agosto a segunda. O venres día 12 de agosto a partir das 22h os asistentes poderán desfrutar de grupos 100% galegos da man de A banda da loba, Heredeiros da Cruz e Mileth.

O sábado 13 comezará forte o día a partires das 12h, con diversión para os máis cativos da casa da man de Paco Nogueiras, que dará paso a sesión vermú con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A festa continuará ata a noite con Os Farrapos, a tradicional Foliada e Arredores. A partir das 22 horas, Deira, Xisco Feijoó,Rura e Sondarúa, farán saltar e desfrutar ós miles de almas que se xuntan tradicionalmente no Velar de Zas dende fai 37 anos.

As entradas xa están a venda e pódese facer a compra anticipada no seguinte enlace: https://www.festadacarballeira.com/entradas/ , con un custo de 15€+gastos de xestión o bono para os dous días, e bono de día individual 8€+gastos de xestión. A venda online estará aberta ata o día 12 de agosto ás 15:00h, a venda en taquilla será de 12€ entrada para un so día e 20€ bono para os dous días.

A Festa da Carballeira, dende comezos do ano 2020 foi declarada Festa de Interese Turístico Galego, denominación honorífica outorgado polo Consello da Xunta de Galicia, a festexos ou acontecementos con alto interese turístico.

Como cada ano, na Carballeira atoparase moito máis ca música. Unha ampla oferta gastronómica, mexilloada de balde para todos os asistentes, unha gran zona infantil con xogos tradicionais, e a sesión vermú, este ano amenizada por Xabier Díaz.

Un ano máis, parte da recadación da venda de bonos online irá a parar a unha asociación sen ánimo de lucro. Este ano a entidade elixida foi ASPABER, Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños, representada na presentación por Dolores Fernández, xerente da Entidade.