A presentación do programa da 43ª edición da Festa da Pataca tivo lugar este luns na renovada biblioteca municipal de Coristanco e correu a cargo do alcalde, Juan Carlos García Pose; o concelleiro de Obras e Urbanismo, Enrique Tasende; e da técnica de Cultura, Mónica Cancela. Este ano, como novidade, terá lugar a celebración do I Encontro Agroprofesional da Pataca, e degustacións gastronómicas nas que os visitantes terán máis onde escoller e con novas maneiras de elaborar e presentar petiscos e racións nas que o tubérculo de Coristanco seguirá sendo o principal ingrediente protagonista. Ademais o venres día 19 xa haberá un importante evento, unha recepción aos representantes da Asociación de Pobos Produtores de Pataca, que engloba a municipios de toda España e norte de Portugal que teñen na pataca a un dos seus produtos singulares.
Con esta festa buscamos varios obxectivos claros, afirman desde a organización:
- Reforzar a identidade local, facendo de Coristanco a capital da pataca.
- Dinamizar a economía e o rural, ofrecendo oportunidades ao noso sector agrícola.
- Promover o turismo sostible e cultural, mostrando ao mundo as nosas paisaxes e a nosa hospitalidade.
- E sobre todo, fortalecer a comunidade, porque cando celebramos xuntos facémonos máis fortes como pobo.
Para rematar, agradeceron a quen a fai posible: agricultores, veciños, asociacións, hosteleiros, voluntarios e institucións, por manter viva esta tradición que xa é Festa de Interese Turístico de Galicia e que cada ano medra con máis forza.