Presentada a axenda de cultura outonal de Muxía

Presentación del 'outono cultural' en Muxía

O Concello de Muxía presentou este venres, na futura sala sociocultural que actualmente está en obras, a axenda de cultura outonal para os meses de outubro, novembro e decembro. O ciclo cultural, presentado polo alcalde, Iago Toba e a concelleira de cultura, Olalla Benlloch, terá como prato estrela o autocine coa proxección da película ‘Bohemian Rhapsody’. A emisión do filme será o sábado 14 de novembro, ás 21:00 horas, no porto de Muxía. As actividades darán comezo o sábado, 10 de outubro, coa actuación de Avelino González e os seus “Contos que foron chistes” e rematarán o sábado, 5 de decembro, cos “Relato Negros” de Manuel Manquiña.

Teatro, cine, música, literatura e maxia protagonizan este ciclo con actuacións para todos os públicos. Haberá moita variedade, con xornadas para o público adulto pero tamén están programadas actuacións dirixidas aos máis pequenos da casa, para que poidan acudir e gozar en familia.Todas as actividades programadas en recintos de interior precisarán de inscrición previa no teléfono do Concello 981 74 20 01. Será unha medida de obrigatorio cumprimento e como forma de prevención fronte ao coronavirus.

O alcalde, Iago Toba destacou que “neste ano tan complexo, este tipo de actividades teñen, se cabe, máis valor. Que a xente estea tranquila porque a axenda cultural de outono de Muxía contará con todas as medidas de seguridade e de prevención fronte a COVID19”. Olalla Benlloch, concelleira de cultura, tamén destacou que “esta serie de actividades poñen en valor a riqueza cultural da nosa contorna. Estamos seguros que terá unha gran acollida na nosa vila”.