Presentada a campaña de vacinación antigripal 2022 que comezará o 10 de outubro


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou, xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, a Campaña de Vacinación Antigripal 2022, que comezará o 10 de outubro e rematará o 31 de decembro. O obxectivo xeral da campaña, á que o Goberno galego destina 8,6 millóns de euros, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento da gripe, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención.

Os obxectivos específicos da campaña, á que se destinan 1.017.000 doses o que supón 131.200 máis que o ano pasado, será acadar unha cobertura igual ou maior ao 75% na poboación de 65 ou máis anos, así como nos traballadores sanitarios. Tamén son obxectivos específicos, acadar unha cobertura vacinal en mulleres embarazadas e en persoas con condicións de risco, igual ou maior ao 60%; e unha cobertura en nenos e nenas de 6 a 59 meses, igual ou superior ao 60%.

Tal e como sinalaron os responsables sanitarios, a poboación diana da campaña son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos, ou as persoas que convivan en institucións pechadas, como é o caso das residencias de persoas maiores e outros centros de atención á discapacidade.

Son tamén poboación diana, as nenas e nenos de 6 a 59 meses, feito este que se produce por primeira vez en España; así como as persoas de menos de 60 anos que teñen un maior risco de complicacións derivadas da gripe; aqueles que lles poden transmitir a gripe a outros con alto risco de complicacións, como é o caso de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos discapacitados, etc.

Son, así mesmo, poboación diana, as persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e, tamén, ás aves silvestres.

As vacinas dispoñibles para esta campaña son, unha con alta carga tetravalente, que é a que se porá ás persoas de 85 ou máis anos na poboación xeral e aos de 60 ou máis anos de residencias; e outra vacina tetravalente para as persoas de 6 meses a 84 anos.