O BNG da Laracha presentou este venres a súa candidatura ás eleccións municipais do próximo 26 de maio, encabezada sen sorpresas por Xoán Manoel Sande Muñiz. Martiño Bocixa, número 3 na lista, exerceu de orador. Na compaña de Sande, dúas persoas máis entoaron dúas pezas musicais tanto para comezar como para pechar o acto con alegria.
De seguido tomou a palabra Rocío da Igrexa Prego, candidata ao Congreso, quen dixo que era hora de poñerlle fin ao caciquismo que sofre A Laracha e que Xoán Sande será un magnífico alcalde. Pero como antes das municipais o que toca son as xerais, Rocío dixo que Galicia necesita ser protagonista en Madrid, e moita hora de darlle a volta á situación actual e o BNG non ten ataduras, sendo o mellor método para facelo, “somos a última carta da baralla para o estado e o BNG nunca lle fallou a Galicia”. “Espolio e explotación inxusta dos nosos recursos é o que nos ofrecen para que a nosa xente emigre”.
Dixo ademais que hai que poñerse a traballar para que isto non siga sucedendo, facendo as reformas e concesións necesarias ata recuperar todo o que o estado nos leva expoliado, sendo necesario non perder un voto para arruinarlle a festa á dereita con alegría e rebeldía.
Pola súa banda o candicato e concelleiro na Laracha desde o ano 2003 Xoán Manoel Sande dixo sentirse honrado de encabezar a candidatura, levando anos fiscalizando e facendo un traballo construtivo na corporación local. Orgulloso de pelexar por iniciativas de gran proveito para a localidade como a escola infantíl, o viveiro de empresas ou a piscina municipal “que por certo, fíxoa a Deputación, o grupo de goberno nin a quería e nin sequera foron á inauguración, e agora presumen dela”.
Quixo deixar claro que desde o BNG queren un concello limpo, sen macrovertedoiros, con parroquias vivas, cun modelo forestal diferente e todos os servizos. Citou as carencias sanitarias, a falta de farmacia en Paiosaco, de consultas médicas polas tardes ou un centro de día. Referiuse á entrega do BNG aos problemas da cidadanía con capacidade de traballo e honradez, demostrada na Deputación da Coruña ou no veciño concello de Carballo ao que citou como modelo.