Os socialistas de Malpica presentaron este sábado, 6 de maio, a candidatura para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Walter Pardo, quen fora alcalde ata a moción de censura, opta á reelección.
“Quitáronme do medio coa moción da vergonza pero nunca me arrebatarán a ilusión de volver á alcaldía do que máis quero: Malpica”, espetaba Pardo recén comezado o seu discurso.
“Estou aquí porque teño unha conta pendente con Malpica, e vimos continuar o que comezamos hai catro anos”, salientaba o candidato socialista, quen afirmou que “quero a Malpica con todo o profundo do meu corazón, por iso me parte a ialma en cen pedazos vela sumida neste estado de deixadez institucional”, en referencia ao novo goberno de coalición entre Parga e Cañizo.
O ata o que o 2021 fora alcalde da vila lembrou que “tivemos que lidiar co contexto máis duro de calquer mandato: unha pandemia da que aprendimos moito, pero que sufrimos por nós e por toda a veciñanza, a cal representamos con todo o orgullo e pola que traballamos para paliar as consecuencias dunha durisima crise sanitaria”, facendo énfase en que “cando veiamos a luz, nos arrebataron poder volver a camiñar cara o progreso de Malpica, ese que tanto ansiamos e que non descansaremos ata acadalo”. Walter Pardo quixo agradecer “a toda e cada unha das persoas que integran a lista. Moitas estivestes conmigo no máis duro, na pandemia e cando me botaron da alcaldía. Todos e cada un destes nomes son imprescindibles para min, e sei que o serán o 28 de maio tamén para Malpica” e confirmou que “teño a ilusión intacta. Temos a ilusión intacta. E aprendimos moito dos erros. Somos os mesmos que hai catro anos, pero coa experiencia da lexislatura mais complexa en 50 anos. Fixemos cousas boas para o noso pobo, e tamén erramos, porque somos humanos. Pero o que fixemos, sempre, foi escoitando á veciñanza e desde o máis absoluto sentimento de pertenza a esta vila, a Malpica. Porque a queremos e porque non pode seguir así, sumida no ostracismo. Merecedes outra Malpica. A que construiremos entre todas e todos. E a túa valentía será o noso impulso”.
Tivo lugar ás 19:00 horas nun Centro Cívico ateigado ata a bandeira. O lema da campaña é “A túa valentía será o noso impulso”, co que se busca apelar á ilusión por un goberno “que xa demostrou que pode facer as cousas doutra maneira e, sobre todo, escoitando ás veciñas e veciños, coidando a economía e demostrando todo o talento que temos como municipio, dentro e fóra das nosas fronteiras”, concluíu Pardo.