Presentada a cervexa ‘Serpent’, un proxecto de César de León, natural de A Ponte do Porto


A XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña acolleu a presentación da cervexa ‘Serpent’, un proxecto de César de León, natural de Dor (A Ponte do Porto).
Os tres tipos de cervexas ‘Serpent’, a lager, a pale lager e a franciscana, están a acaparar o protagonismo da zona de cafetería desta trixésimo primeira edición da Mostra, onde poden degustarse calquera dos cinco días do evento. 
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “o espírito desta Mostra é o mesmo que levo aplicando, eu e o meu equipo de goberno, para todas as políticas que levamos a cabo no Concello: o de apostar polo talento que temos en Camariñas porque aquí hai moito talento que só necesita un pequeno impulso para poder sacar todo o seu potencial”. 
De César de León, destacou que tivo que “emigrar a Suíza e volveu coas ideas moi claras. Quería montar unha fábrica de cervexa artesanal e que estivese en Camariñas. Xa leva medio camiño andando, agora agardamos que pronto poida trasladar a súa nave ao noso municipio”.
Pola súa parte o fundador do Serpent salientou que “para ter de todo en Camariñas só nos faltaba unha cervexa propia, e xa a temos”.