Trátase da integración urbana do borde litoral da cidade completando o itinerario peonil e ciclista entre Bouzas e Guixar cun investimento autonómico de 5 millóns de euros para actuar, en concreto, no Berbés e na avenida de Beiramar.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participaron nesta presentación.
A Autoridade Portuaria atópase actualmente ultimando a redacción dos proxectos construtivos co fin de asinar o convenio de colaboración no primeiro trimestre de 2022 para, a continuación, iniciar a contratación dos traballos.
