A Deputación da Coruña acolleu este luns a presentación da I edición do Festival Vákner, un encontro musical e cultural que xirará en torno a esta besta lendaria e que terá lugar o vindeiro 28 de maio na localidade de Dumbría. No acto participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, o alcalde de Dumbría e deputado provincial José Manuel Pequeño Castro e Bieito Romero, líder de Luar na Lubre. Tamén asistiron representantes dos concellos polos que pasa o Camiño a Fisterra-Muxía, do colectivo Costa da Morte Asociación Turística e Solpor, entre outras. Así mesmo, acudiu o grupo Luar Na Lubre, que será a cabeza de cartel desta primeira edición, e que deleitou ao público cunha canción sobre o encontro de Mártiros coa figura mitolóxica do Vákner.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, incidiu en que «se este festival encaixaba en algún sitio da provincia, era na Costa da Morte» e destacou a recuperación de lendas, historia e mitos a través da iniciativa.
Pola súa banda, o alcalde de Dumbría e deputado provincial, José Manuel Pequeño, explicou que o Festival Vákner é «un acontecemento histórico e fundamental para a Costa da Morte, é arte, cultura, lendas, historia, economía e turismo».
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira tamén manifestou que o encontro «vai reforzar o itinerario de fin do Camiño, diversificando os recursos. E iso é o que ofrece Dumbría, a diversificación a través da cultura».
Pola súa banda, Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, agradeceu a aposta da Deputación e o Concello polo festival e afirmou que «o recurso do Vákner vai ser unha marca e reclamo turístico moi importante para a zona e tamén para Galicia», facendo unha comparativa co monstro do Lago Ness. O encontro contou coa actuación da agrupación e tamén cun vídeo de presentación do Festival.
O Festival Vákner celebrarase o vindeiro 28 de maio a partir das 11:00 horas no Marco do Couto, en Dumbría. No encontro participarán verdadeiros monstros da música como Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano, Alexandra Suárez, Gaiteiros de Buxantes e, o último confirmado, Carlos Goñi, líder de Revólver.
O concerto será gratuíto, aínda que para acceder ao Campo de Fútbol de Dumbría haberá que coller entradas na páxina web www.ataquilla.como ou nas dependencias do Concello.
