- O Museo Man acolleu a presentación do traballo de documentación realizado pola produtora Vizuals Lab
O Museo Man de Camelle, no concello de Camariñas, acolleu a presentación da memoria final do traballo de documentación elaborado pola produtora Vizuals Lab sobre a vida de Manfred Gnädinger, máis coñecido como o Alemán de Camelle. O seguinte paso consiste na realización da peza audiovisual, que terá o título de ‘Gnädinger’, e que forma parte da iniciativa ‘Proxecto Man: A Costa da Morte na mirada’. O proxecto conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A produtora xa leva varios anos traballando neste proxecto e realizando diferentes entrevistas tanto a familiares como a coñecidos de Man. Na memoria presentada destacan as conversacións mantidas con Marisol e Lourdes Baña, netas de Eugenia Heim, a alsaciana que acolleu ao artista na súa propia familia unha vez este chegou a Camelle.
En relación á busca de material inédito, foi fundamental a figura de Carlos Silvar, artista e amigo de Man que conservaba materiais sobre este e o seu Museo. Ademais, coñecidos do Alemán e veciños de Camelle como Vicente Balboa, Lucía Baña, Milagros Casal, Manuel Marcote ou Yolanda Muñoz, participaron tamén nestas entrevistas.
O Museo Man de Camelle tamén xogou un importante papel neste proceso de documentación a través de Andrea Serodio e Carmen Hermo. As dúas comisarias da exposición do museo explicaron ao equipo de Vizuals Lab as correntes artísticas ás que pertencía o artista, como realizaba as súas obras e a complexidade dalgunhas.