Presentada a nova BiciCoruña, que entrará en funcionamento o 12 de xullo


O Goberno municipal presentou o novo servizo de BiciCoruña, que entrará en funcionamento o 12 de xullo, unha vez que finalice a integración da nova aplicación coas 23 estacións renovadas. Isto permitirá prescindir da Tarxeta Millennium, que era necesaria ata o de agora. “Avanzamos no modelo de cidade que busca implantar o Goberno de Inés Rey. Unha cidade máis sostible, que favoreza unha mobilidade alternativa e saudable”, sinalou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, que foi o encargado de explicar as novidades do novo servizo de BiciCoruña.

Haberá dúas modalidades de pago: unha anual e outra ocasional. A anual terá un custo de 40 euros (3,33 euros ao mes). Non haberá pago por minuto nas bicicletas mecánicas, mentres que nas eléctricas o seu uso será gratuíto ata os 20 minutos, sempre e cando se teña posesión do abono anual. A partir desa franxa, o seu custo será dun céntimo por minuto, en tramos de dez minutos, ata chegar aos sesenta, tempo límite de uso continuado do servizo. A partir dese momento, cobrarase unha recarga de 5 euros por hora para evitar un uso indebido de BiciCoruña. Cabe destacar que con este plan as persoas usuarias poderán volver retirar unha bicicleta dez minutos despois de usala, sen recargas adicionais.

Por outra banda, créase unha modalidade ocasional ou turística, que servirá para dar resposta á demanda das persoas que están de paso na cidade. O seu prezo será de 10 euros e permitirá usar a bicicleta durante un mes.