Presentada a nova edición do 34 Festival Noroeste Estrella Galicia


  • A cita musical deste ano terá unha lembranza especial a Nonito Pereira e Jaime Manso, recentemente falecidos.

A alcaldesa, Inés Rey, participou na presentación do 34 Festival Noroeste Estrella Galicia, “un clásico da oferta cultural do verán desta cidade”, que este ano se reformulou con fin de apoiar as artes escénicas e darlle un impulso ás bandas locais e galegas. A rexedora recordou a Jaime Manso e Nonito Pereira, “os que tivemos que despedir o ano pasado e que foron pezas esenciais da nosa escena cultural coruñesa.

Querémoslles render unha homenaxe poñendo os seus nomes aos escenarios da cita”, sinalou. No acto, acudiron ademais do concelleiro Juan Ignacio Borrego, o programador musical Roberto de la Iglesia e Antonio Viejo, director de Asuntos Corporativos de Corporación Hijos de Rivera, as e os familiares de ambos os promotores, que lles agradeceron o xesto ao concello e ás persoas organizadoras. Nonito Pereira Junior, destacou o espírito loitador do seu pai buscando sempre a concordia, mentres que Ana, irmá de Jaime Manso, asegurou que os dous tiñan o tributo máis que merecido.

Serán tres días consecutivos de música, desde o venres até o domingo, en que as e os artistas actuarán simultaneamente nos escenarios Nonito Pereira (praza de María Pita) e Jaime Manso (no parque de Santa Margarida). En total serán 14 concertos, mais dous viveiros musicais dirixidos ao público máis mozo co fin de que descubra ritmos, sons e historias vencelladas á música contemporánea.

O listado de músicos confórmano Allova, Ataque Escampe, Bush Doctors, Cloaca. DL Blando, Laura Lamontagne & PicoAmperio, Moura e a Irmandade Ártabra, Pardo, Sara Sístole, The Bo Derek’s, Triángulo de Amor Bizarro, Víctor Coyote, Viuda Gómez e Hijos e Zeltia e Irevire. Fronte aos obradoiros estarán Javier Becerra & Carolina Rubirosa con “Esto es pop” e Lydia Botana con “De aquí para alá”.

Os concertos do 34 Noroeste Estrella Galicia contarán cun aforo limitado a un  máximo de 400 persoas. Todos serán de balde, pero haberá que reservar entrada previamente na web do festival (www.festivalnoroeste.com).