Presentada a nova Lei de impulso demográfico na Semana Europea das Rexións e Cidades


A conselleira de Política Social, Fabiola García, representou a Galicia na Semana Europea das Rexións e Cidades a través dun vídeo emitido neste evento de referencia a nivel europeo en política e iniciativas rexionais e urbanas que este ano, ao igual que o anterior, ten lugar de xeito enteiramente virtual por mor da covid-19.

Durante a sesión A experiencia das rexións europeas na xestión do cambio demográfico. O exemplo de Galicia, organizada pola Fundación Galicia Europa, a conselleira presentou o conxunto de medidas que compoñen a estratexia galega para loitar contra o despoboamento, como a Tarxeta Benvida, as casas niño ou a nova Lei de impulso demográfico aprobada a principios de ano en sede parlamentaria.

Como explicou, esta lei aborda a cuestión demográfica desde unha perspectiva transversal á elaboración das políticas autonómicas de Galicia, apoiando a vertebración territorial e fomentando o retorno dos galegos no exterior e o envellecemento activo. Nesta mesma liña, destacou, por unha banda, que ”para que a sociedade europea consiga reverter a tendencia demográfica, é precisa a implicación de todo o tecido social” e, por outra, a importancia de que a cuestión demográfica estea situada no máis alto da axenda de prioridades nacional e europea.