Presentada a primeira ‘Feira do Mercado Social’ en Carballo

Presentación de la primera 'Feira do Mercado Social en Carballo_Concello

  • Unha vintena de empresas e entidades participarán este domingo nun evento organizado pola Oficina de Promoción Económica

O Concello de Carballo segue apostando pola economía social como xeradora de oportunidades de cara a desenvolver proxectos ligados á economía circular e a sustentabilidade. Nesta liña, este xoves presentouse de xeito oficial a programación da primeira ‘Feira do Mercado Social’, a primeira que se celebrará en Galicia, e que se desenvolverá durante este domingo no mercado municipal.

«Temos que xerar oportunidade, emprego e riqueza, pero tamén debemos ser quen de conseguir que o territorio siga estando en bo estado dentro de cincuenta anos», sinalou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; unhas palabras que resumen o obectivo deste evento que conta coa colaboración da Rede de Economía Alternativa e Solidaria de Galicia-REAS, onde actualmente colaboran 25 entidades con características éticas e solidarias semellantes.

Helena Sanmamede, no nome de REAS, agradeceu a aposta do Concello de Carballo pola economía social e deu a coñecer o programa de actividades. Unha vintena de empresas e entidades exporán e venderán os seus produtos na planta alta do mercado municipal, na que ademais haberá mesas de debate, música ou actividades infantís. «É o formato convencional dunha feira pero coa particularidade de que está enmarcada na economía social», afirmou Sanmamede.

Pola súa parte, o rexedor carballés, Evencio Ferrero, vinculou este mercado coas feiras tradicionais da vila e animou á veciñanza a aproveitar o Nadal para facer «unha compra máis solidaria».

Programación ‘Feira do Mercado Social’_Concello de Carballo