O Concello de Cabana de Bergantiños presentou a súa programación cultural e social de primavera. Baixo o lema “No tempo das flores e das letras”, a axenda comprende un abano diverso de actividades de lecer ata o vindeiro 13 de xuño.
Un dos actos centrais será a XXV Xuntanza de Maiores, que terá lugar o sábado 9 de maio no Pavillón Municipal. Trátase dunha cita xa consolidada no calendario local, pensada para favorecer o encontro e a convivencia das persoas maiores de todas as parroquias. Poden participar todas aquelas persoas empadroadas no municipio que teñan 65 anos ou os cumpran ao longo de 2026. É preciso retirar a invitación no Concello.
A programación inclúe tamén propostas destacadas como o Xantar Solidario da AECC de Cabana, previsto para o 11 de abril, así como unha experiencia artística participativa co ilustrador Leandro Lamas no CPI As Revoltas, onde o alumnado colaborará na creación dun mural.
O Auditorio Municipal acollerá diversas actividades, como o concerto ‘Músicas mil’ a cargo de English Rocks e organizado pola ACD Cormoráns (18 de abril), ou o espectáculo ‘As chaves invisibles’, de Vero Rilo e Luis Iglesias (15 de maio). No Dolmen de Dombate presentarase o libro ‘O caixón das lembranzas’ de Luis Antonio Giadás Álvarez (16 de maio).
Clausuras das escolas, unha exposición e o Castro Animado
O 17 de maio, o Auditorio acollerá o Día das Letras Galegas nun acto con entrada libre. Nesa mesma xornada celebrarase a clausura da Escola Municipal de Teatro, á que seguirán as das actividades sociais e deportivas (no Centro de Maiores e o Pavillón Municipal o 29 de maio), a da Escola Municipal de Bailes de Salón e Ritmos Latinos (30 de maio no Pavillón Municipal) e a da Escola Municipal de Música José María Álvarez Canto (7 de xuño).
Tamén haberá espazo para o patrimonio histórico. Neste caso, será a través da exposición ‘A etérea fraxilidade humana’, que se poderá visitar no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate a partir do 18 de abril; e coa edición deste ano do Castro Animado, que enxalzará o xacemento de Borneiro.
Actividades sociais
No eido social e educativo, desenvolverase tamén o Programa Meniñeiro na Casa da Cultura durante os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril. A iniciativa permitirá facilitar a conciliación das familias nas vacacións escolares de Semana Santa.
Ademais, a veciñanza de Cabana poderá visitar o Santuario de Santo André de Teixido nunha excursión o 21 de maio. As inscricións para esta viaxe estarán abertas do 20 ao 24 de abril no 981 75 40 20.
A programación complétase coa celebración dos habituais bailes sociais os domingos 5 e 19 de abril e 3 e 24 de maio, que contarán coas actuacións de Mar de Caión, Judith Cundíns, Martín Carrión e Rocío Pérez.
Con esta proposta, o Concello de Cabana de Bergantiños configura unha programación variada, inclusiva e aberta a todos os públicos, fortalecendo a vida comunitaria das cabanesas e cabaneses. A programación detallada poderase consultar nas redes sociais e a páxina web do Concello, cabana.gal.