Presentada a programación de Nadal de Carballo


O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, acompañados de José Manuel Naya, patrocinador do Concurso de Cartel e Postal, presentaron o programa que se desenvolverá ata o 6 de xaneiro en diferentes escenarios. Un deles será o Pazo da Cultura, no que este mércores se desvelaron todas as propostas e ademais déronse a coñecer os debuxos premiados no Concurso de Cartel e Postal de Nadal. O patrocinador do certame, José Manuel Naya, da cadea comercial Todo Lar, amosou a súa satisfacción pola elevada participación e a orixinalidade dos deseños.

O concelleiro de Cultura ofreceu algunhas pinceladas do programa, no que tamén se inclúen as actividades organizadas polo movemento asociativo, e detívose especialmente nas tres propostas que integran este ano o Nadal Pequespectacular. “Temos teatro, música e monicreques, e esperamos, como pasa todos os anos, que se colgue o cartel de non hai entradas”, sinalou. As entradas poderán mercarse anticipadamente a partir do día 18 en www.eventbrite.es e tamén os días das funcións, a partir das 16.30 horas, na billeteira do Pazo da Cultura.

O Nadal Cultural de Carballo incluirá este ano máis de corenta actividades para todos os públicos, dende o concerto “Pondaliana”, ata os bailes para maiores con música en directo. E ademais tamén inclúe as propostas do movemento asociativo de todo o concello. A todo iso hai que sumarlle as 10 cabalgatas que se levarán a cabo entre os días 5 e 6 de xaneiro.

Obra de Mía Cancela Viña, de 7 anos do Cra Ponte da Pedra-Escola de Verdillo. 1º premio. Cartel de Nadal, que se distribuirá polas rúas e os comercios de Carballo.