Carballo acolleu a presentación das súas festas patronais. O acto celebrouse na mañá deste sábado no mercado municipal. Presentes estiveron o alcalde, Evencio Ferrero, a concelleira de Festas e Mocidade, Maruxa Suárez, e o presidente da comisión, Sergio Varela. Ademais tamén estivo a autora do cartel gañador e que dará imaxe gráfica ás celebracións deste ano, Nerea Vilariño, unha moza da vila de 20 anos, así como a representante da empresa patrocinadora, Belén Enríquez. Todos coincidiron en que serán ‘días para celebrar e gozar da festa’, logo de todo o sufrido pola pandemia ‘xa tocaba’. Volve o festival Rockin’ (o sábado 18) , os fogos de artificio (o domingo 26) e a Festa do Bosque (o domingo 30). Tamén volven as actuacións musicais: Tanxugueiras o venres 24 ás 23:00 horas na praza do Concello e Los Enemigos o día 25, mesma hora, mesmo lugar. Como orquestras destacadas estarán Olympus (o 22), Funçao Públika (o 24), Marbella (o 25) e Finisterre (o26), pechando este día o concerto do grupo Ortiga. O pregoeiro deste ano será o pediatra carballés Alejandro Ávila, director do hospital Materno de A Coruña. O acto de presentación do San Xoán rematou cun chamamento compartido por todos e todas a celebrar unhas festas libres de violencia e con agresións 0’0, como di a campaña que se desenvolverá os días 18, 24 e 25 na zona da movida nocturna.
