A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou a cuarta edición do programa de minicampamentos ‘Coñece Galicia’. A través desta iniciativa, ofrécense 600 prazas para nenos de entre 10 e 14 anos para que desfruten de estadías de cinco días en doce establecementos hostaleiros da comunidade.
Fabiola García sinalou que ‘Coñece Galicia’ complementa a oferta de prazas en campamentos da campaña de verán da Xunta. Así mesmo, destacou que esta proposta permite dar a coñecer todo a patrimonio natural, artístico e cultural de Galicia entre a xuventude.
O vindeiro luns, día 12 de xuño, abrirase o prazo para que as familias soliciten praza nesta proposta de minicampamentos. Poderanse facer a través do formulario que se habilitará na páxina web de Xuventude. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata cinco días antes da celebración do minicampamento ou ata esgotar prazas. A adxudicación de prazas será por orde de inscripción.
‘Coñece Galicia’ 2023 incorpora dúas novas localizacións con respecto ao pasado verán: o hotel Candor de A Lama (Pontevedra) e o hotel Laias de Cenlle (Ourense). Así, a proposta deste ano inclúe os seguintes minicampamentos na provincia da Coruña: Valdoviño Mariño III, con actividades náuticas e sendeirismo; e Descubrindo a Bela Fisterra II, con propostas para o desfrute do medio mariño.