Presentada a programación municipal de inverno do Concello da Laracha

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Bello, presentaron este venres o programa municipal de actividades 2025-2026, unha ampla e variada oferta pensada para responder aos intereses, gustos e inquedanzas da veciñanza de todas as idades e fomentar a participación cidadá tanto no núcleo urbano como nas parroquias.

Este ano son 33 propostas en total: 15 infantís e xuvenís e 18 para o público adulto. As principais novidades chegan en clave de actualidade e benestar: por unha banda, os bailes de TikTok, que achegarán aos máis novos unha forma divertida de expresión artística e social, e, para adultos, o adestramento funcional, unha práctica deportiva que mellora forza, equilibrio e mobilidade a través de exercicios adaptados á vida cotiá.

Ademais, mantéñense outras actividades consolidadas con boa valoración e aceptación por parte dos participantes en anteriores edicións do programa. Ao público infantil e xuvenil ofrécese cerámica, fútbol sala, informática, manualidades e debuxo, pádel, patinaxe, obradoiro de cociña, robótica e gaming, teatro, tiro con arco, voleibol, xadrez, ximnasia rítmica e zumbea kids. Para as persoas adultas, a oferta abrangue arte floral, bailes latinos, cerámica, cursos de informática, ioga, macramé, pilates, teatro, tiro con arco, zumbea, ximnasia de mantemento, pintura ao óleo, encaixe de palillos, restauración e tapizaría, labores de tecido, pádel e cociña.

Co obxectivo de facilitar o proceso para anotarse, a inscrición abrirase en dúas quendas: o xoves da próxima semana (18 de setembro) para as actividades infantís e xuvenís, e o 25 de setembro para as de público adulto. O trámite poderá realizarse en liña a través da web www.alaracha.gal/actividades ou presencialmente na Casa da Cultura, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 h. O pagamento deberá facerse con tarxeta ou transferencia bancaria, e as prazas outórganse por orde de inscrición, con lista de agarda no caso de completarse as prazas ofertadas.

O prezo por actividade é de 30 euros para maiores de 18 e menores de 65 anos, e de 15 euros para menores de idade e maiores de 65. Ademais, establécense bonificacións do 50 % para familias numerosas e unidades familiares en situación de desemprego.

O Concello organiza cada ano esta programación para ofrecer á cidadanía moitas opcións culturais, deportivas e de ocio, variadas e innovadoras, a prezos reducidos, apostando ademais por descentralizar a oferta en determinadas propostas e favorecer, así, a participación das persoas residentes nas parroquias.

Como requisito imprescindible, só poderán inscribirse persoas empadroadas na Laracha. No caso de quedar prazas libres, abrirase a posibilidade ao alumnado non empadroado que curse estudos nalgún dos colexios do municipio.

Para garantir a máxima difusión do programa, a próxima semana levarase a cabo unha campaña informativa nos centros educativos, e o información completa con datas, horarios e localizacións está dispoñible para a súa consulta na web municipal.

Esta programación complementarase cunha novidosa iniciativa con actividades saudables, de envellecemento activo e de prevención da soidade non desexada que se vai organizar desde o departamento de Servizos Sociais.

Related posts

Clausurado o obradoiro de emprego dual ‘Obradoiro Lubiáns’, de Carballo e Coristanco

Traballos de mantemento en 836 puntos de luz de Camariñas, Ponte do Porto, Arou e Camelle

Alfonso Rueda visitou este venres a antiga fábrica baleeira de Caneliñas en Cee