Presentada a proposta do dragado do peirao de Camelle, en Camariñas


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten en tramitación o proxecto de dragaxe do porto de Camelle, en Camariñas, para que recupere calado e mellore a súa operatividade cun investimento previsto de arredor de 200.000 euros. Así llo trasladou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, á confraría local e aos representantes municipais nunha reunión de traballo na que lles presentou a proposta técnica co fin de realizar esta actuación.

As obras previstas consistirán na dragaxe dunha área de 7.500 metros cadrados fronte á liña de atraque do peirao co obxectivo de mellorar a operatividade do porto e a navegación nas zonas de manobra dos buques. Na área de atracada dragaranse áridos entre as cotas -1 e -2, dada a existencia de rochas na contorna, mentres que no resto da zona portuaria se retirarán áridos ata a cota -2.

Susana Lenguas informou tanto aos representantes do sector como do Concello de que o material que se vai extraer na dragaxe é compatible coas características da area da praia de Camelle e, polo tanto, apto para a súa incorporación ao areal de acordo coa normativa ambiental vixente, polo que ese será o seu destino.

Con este obxectivo, empregaranse dous procedementos de dragaxe en función das zonas: na máis próxima ao peirao e a rampla de varada a maquinaria de extracción cargará o material en camión para posteriormente depositalo na praia, mentres que no resto da dársena o material será extraído por succión e impulsado directamente sobre o areal nas zonas indicadas.

A evolución do expediente e posterior contratación das obras está pendente da emisión de informes das administracións competentes, entre eles da Dirección Xeral da Costa e o Mar e da Dirección Xeral de Biodiversidade, dependentes do Goberno central e que foron solicitados en outubro do ano pasado. O prazo de execución previsto dos traballos, unha vez que comecen as obras, é de tres meses.