Presentada a revista e o programa das festas da Milagrosa de Carballo 2026

3 minutes read

Nun acto celebrado no mediodía deste mércores na antiga Escola de Arrabaldes, a Asociación Cultural A Milagrosa e a Comisión de Festas da Milagrosa deron a coñecer o programa das festas deste ano 2026 e tamén a revista que as promociona. Na cita estiveron presentes, entre outros, o presidente da comisión, Luís Barca Añón.


O anuncio dos eventos que este ano coinciden do 4 ao 6 de setembro, fíxoo o propio presidente, transmitindo que este ano como de costume tamén haberá as vistosas e tradicionais alfombras florais nas rúas. Barca agradeceu a colaboración da multitude de autónomos e empresas coa súa presenza na revista, a sexta que elabora esta comisión, donde esa multitude de anuncios que ten a publicación é sinónimo do potencial que ten o barrio a nivel comercial, empresarial e de iniciativa, en definitiva un reflexo do que é a sociedade da Milagrosa en xeral.

Música, carros de bolas, sardiñada popular e un pregón en memoria de Ché de Bastián forman parte da completa proposta deste ano.

Este sábado 22 de agosto celébrase o IX torneo cuadrangular de fútbol veterano Festas da Milagrosa, coa participación do Bergantiños FC, Deportivo Carballo, Sofán e Atlético Milagrosa. Será no campo de O Carral de Sofán ás 17.00 horas.

O venres 28 terá lugar no barrio o festival Rockarballo, organizado pola concellería de Cultura. Actuarán Pablo Carballo, Mal Juicio e The Cerne.

O 3 de setembro haberá cinema, coa proxección da película Rondallas na pista polideportiva situada detrás da capela. Será ás 21.30 horas.

Os actos centrais da festa comezarán o venres 4 co pregón ás 21.00 horas, e que nesta ocasión será en recordo de Ché de Bastián, falecido en 2021, e que correrá a cargo dun dos seus familiares. Acto seguido terá lugar a Procesión das Antorchas e a primeira verbena a cargo da orquestra Fania Blanco Show e Disco Móbil Impacto con DJ Bermúdez en cabina.

O sábado 5 comezará o día con pasarrúas co grupo de gaitas de Arume de Verdillo. Ás dúas da tarde celebrarase unha gran sardiñada popular na Praza da Milagrosa, amenizada cunha macrosesión vermú que se prolongará ata as sete da tarde con O Tren da Unha e o DJ Franstone. Ás 16.30 horas comezará a elaboración das alfombras florais, unha tradición polas rúas do badrrio para darlle colorido á procesión do día seguinte. Tamén se celebrará o campionato de España de ‘Baixada de carros de bólas’, con saída ás 19.00 desde a Avenida do Cemiterio Vello ata a propia Praza da Milagrosa. Xa pola noite terá lugar a verbena estrela deste ano coa gran orquestra, fundada no ano 1938, Los Satélites, seguida da disco móbil Impacto con DJ Cotelo, natural de Paiosaco.

O domingo 6, tamén haberá pasarrúas pola mañán coa charanga Os Máquinas. Ás 12.30 horas terá lugar a misa na honra á Virxe da Milagrosa, seguida da habitual procesión. A Orquestra De Noche será a encargada de amenizar a sesión vermú e a verbena. Tamén haberá música de tardeo cos DJs Bermúdez e Drew.