- O espazo entre ambos concellos alberga pedras con figuras antropomórficas e unha importante variedade de flora
Os Concellos de Vimianzo e Laxe presentaron na mañá deste venres, de maneira conxunta e oficial, a ruta de sendeirismo “Paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba”, nun acto que tivo lugar na “Cachucha” e ao que acudiron os alcaldes e concelleiros de cada localidade, ademais da directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén Docampo.
Esta ruta aproveita sendeiros tradicionais e servidumes de paso, a través das cales é posible percorrer unha dorsal que se alonga dende a Torre da Moa, pasando pola Pena Forcada, ata o Outeiro da Cachucha, con miradoiros naturais únicos sobre o Val de Traba. Sen dúbida o principal atractivo deste espazo, declarado Paisaxe Protexida pola Xunta de Galicia no 2009, son as pedras que de xeito natural imitan figuras antropomórficas e zoomórficas; pero tamén destaca unha importante variedade de flora «coma os toxos, uces, breixos e sobre todo as queirugas, catalogadas como hábitat de interese comunitario pola Unión Europea», destacaron na presentación.
O itinerario contempla un traxecto lineal, Pasarela-Traba e á inversa, e dous percorridos circulares, un con saída de Pasarela e outro desde o aparcamento do cruce do Bañal. As actuacións realizáronse tras aprobación por parte do Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.
A sinalética da ruta está formada por paneis de inicio, paneis informativos (con códigos QR que redirixen a Wikiloc do Concello de Vimianzo), sinalizacións direccionais tanto de circulación coma de identificación de pedras con imaxes, e paneis de recomendacións. Estas actuacións foron cofinanciadas pola Axencia Galega de Turismo. Coa creación e sinalización desta ruta de sendeirismo culmina a primera fase do Plan de actuacións na Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, deseñado polos Concellos de Laxe e Vimianzo. Agora xa se está a traballar nas seguintes fases, relativas a obras, equipamentos e medios de divulgación.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o seu homólogo en Laxe, José Luis Pérez Añón, agradeceron o traballo realizado polos concelleiros e demais persoal técnico dos Concellos. Pola súa parte, a directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén Docampo, tamén valorou o esforzo destas dúas corporacións e sinalou que desde a Xunta «somos conscientes de que estes espazos están dentro da Rede de Espacios Protexidos, e temos que coidar deles», abríndolles ademais as portas da Consellería de Medio Ambiente para convertir este lugar «nun punto de referencia, poñéndoo só no mapa da provincia da Coruña, senón de toda Galicia e tamén en toda España”.